Xoves, 19 Xullo de 2018

O goberno local impulsa un proxecto valorado en máis de 240.000 euros para renovar o alumeado público

/ Venres, 13/04/2018 - 09:50
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A proposta para solicitar unha axuda ao Goberno central e poder acometer a actuación saíu adiante na mañán do 5 de abril nun pleno extraordinario.

O goberno local de Mugardos sacou adiante na mañán do día 5 de abril nun pleno extraordinario, co único voto en contra do PP e o apoio do resto dos grupos, unha proposta para solicitar unha subvención de 192.504,56 euros ao Ministerio de Enerxía, Turismo e Axenda Dixital. O obxectivo é executar un ambicioso proxecto, cuantificado en 240.630,70 euros e planificado para o período 2017-2020, de renovación da iluminación pública e mellora da eficiencia enerxética. A proposta chegaba a pleno, ao contrario do resultado final, despois de que en comisión informativa recibira o único voto favorable do PP e a abstención do resto dos grupos. Tras recibir a luz verde do pleno, a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, expresou a súa confianza en que a iniciativa contará tamén co apoio necesario á hora de aprobar as correspondentes modificacións no orzamento de 2018 e executar as actuacións previstas nesta anualidade.
 
O proxecto acollerase ao programa de impulso á eficiencia e o aforro enerxético que está a xestionar o Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Ao tempo que persegue ditos obxectivos de eficiencia e aforro, o Concello de Mugardos adaptarase a través destas actuacións ao regulamento para as instalacións de iluminación exterior.
 
Estímase que a administración local conseguirá un aforro enerxético dun 75% e unha redución da reposición de lámpadas dun 76,46%. A alcaldesa, Pilar Díaz, destacou tamén o beneficio medioambiental que se extraerá desta execución: os novos farois nas vías públicas do Concello de Mugardos emitirán un 75% menos de gases efecto invernadeiro, pasando de 42.405 a 10.592 Kg/ano de CO2. “É un proxecto moi importante e positivo para Mugardos desde o punto de vista económico, medioambiental e de mellora das condicións de seguridade e calidade na iluminación das vías municipais”, explicou Pilar Díaz.
 
As actuacións consistirán na substitución de cadros eléctricos e a instalación de 472 novos puntos de luz, cos seus correspondentes brazos ou columnas, con tecnoloxía LED. Na maioría dos casos se substituirán os actuais farois, aínda que tamén se incorporarán outros en puntos nos que a iluminación actual é deficiente.
 
O proxecto renovará a iluminación da Avenida do Seixo, a Avenida de Galicia, as rúas Real, Lousido, San Telmo, Alta, Apelón, San Fernando, Travesía de Apelón, Contramestre Casado, Casas Baratas, Catro Ventos,
Parque dos Carneiros, Casás, Fieiteiras, Pedreira e Avenida do Mar.