Domingo, 22 Abril de 2018

Mugardos solicita axudas á deputación para a contratación de cinco persoas

/ Luns, 16/04/2018 - 10:02
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello acóllese aos máximo que establece o Programa de Integración Laboral da institución provincial.

O goberno local de Mugardos vén de solicitar á Deputación da Coruña unha subvención do Programa de Integración Laboral para a contratación de dous oficiais de segunda albanéis e de tres peóns. Os empregos serían a xornada completa durante un período de seis meses –o cal amplía o mínimo establecido na convocatoria, dunha xornada semanal mínima de 25 horas- e estarán destinados á realización de obras e servizos mínimos municipais. A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que as contratacións respostan ao obxectivo da propia convocatoria provincial, que é a integración de persoas en situación de desemprego e exclusión social.
 
Concretamente, a convocatoria está dirixida á contratación de persoas que estean en situación de desemprego no momento do proceso de selección e que estean encadradas nalgún dos seguintes grupos ou circunstancias de exclusión laboral: mulleres –cuxo índice de paro rexistrado é sensiblemente superior ao dos homes-, maiores de 45 anos, parados de longa duración –máis de dous anos como demandantes de emprego-, persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%, persoas en situación de drogodependencia, persoas que viven nun fogar no que ninguén ten emprego, persoas cun fogar monoparental, persoas con problemas para a integración laboral polo idioma ou cuestións socioculturais, vítimas de violencia de xénero e persoas sen fogar.
 
Pilar Díaz destacou a aposta do goberno municipal “pola incorporación de colectivos en risco de exclusión social e laboral a través dos programas impulsados desde o propio departamento municipal de Benestar Social, e tamén acudindo ás convocatorias, tanto da Deputación da Coruña como da Xunta, e solicitando o máximo permitido nelas”.
 
As cinco persoas contratadas a través do programa provincial realizarán tarefas de limpeza e mantemento de rúas, camiños, viarios e parques públicos. A súa incorporación coincidirá cos meses de xuño, xullo, agosto e setembro, cando aumenta a poboación de Mugardos e o número de visitantes, e polo tanto existe a necesidade de reforzar estes servizos, contribuíndo a mellorar o entorno local e a calidade de vida da cidadanía.
 
O custe total da contratación destas cinco persoas é de 64.314,84 euros, dos que a Deputación cubriría 43.000 euros e o Concello os 21.314,84 euros restantes.