Domingo, 22 Abril de 2018

O goberno local someterá a votación, na Comisión de Servizos, a ubicación das atraccións das festas

/ Luns, 16/04/2018 - 14:35
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Presentarase un informe, elaborado por unha empresa adicada á prevención de emerxencias, sobre as condicións dos diferentes lugares posibles

O goberno municipal incluíu na orde do día da próxima reunión da Comisión de Servizos, convocada para o próximo día 18, o debate sobre a ubicación das atraccións nas próximas festas de verán. O equipo de Pilar Díaz presentará aos grupos municipais un informe, encargado á empresa Previnem, adicada á prevención integral de emerxencia, que avalía as condicións do peirao e das outras alternativas posibles, despois de que no pleno do pasado 28 de marzo se aprobara unha moción, cos votos do PP e de ICM, na que se insta a retirar a proposta de que se sitúen no lugar do Merlo e se concentren nun punto próximo á celebración da Festa do Polbo, no peirao.

O ditame dos expertos analiza as condicións que ofrece a Avenida do Mar, onde se instalaron nos últimos anos, así como as alternativas no Cabo Leiras, a zona do Conchado e O Merlo, determinando que esta última é a única que cumpre cos requisitos mínimos esixibles.

Así, o informe de Previnem indica que no peirao as atraccións non contan co espazo suficiente como para respectar as distancias mínimas de seguridade entre elas e garantir as zonas de paso aos vehículos de emerxencia. Por outra banda, tanto a zona de Cabo Leiras como a do Conchado carecen de iluminación, rede de sumidoiros e de auga, as vías de acceso non cumpren os requisitos para os vehículos de emerxencia e tampouco existen no interior das mesmas as condicións mínimas para persoas con mobilidade reducida.

Na zona do Merlo, de máis de 13.000 metros cadrados, hai iluminación pública, sumidoiros e rede de auga, e o seu interior ten parte de terra e parte de asfalto, polo que é posible establecer un itinerario adecuado para persoas con mobilidade reducida. Conta tamén con dous accesos adecuados tanto para a entrada dos vehículos das propias atraccións como para os de emerxencias, se fora preciso, e espazo suficiente para situar os aparellos de ocio respectando a distancia de seguridade.

A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que na comisión os grupos “poderán votar sobre a ubicación que consideran idónea, á vista deste informe”.