Martes, 21 Agosto de 2018

Técnicos de Augas de Galicia visitan o río Baa cara á definición do proxecto integral de rexeneración do río Baa

/ Luns, 16/04/2018 - 14:21
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O organismo autonómico redactará agora un informe para delimitar competencias e facilitar a acción coordinada das administracións implicadas.

Técnicos de Augas de Galicia percorreron este mércores parte do curso do río Baa, na compaña do técnico de Medio Ambiente do Concello de Mugardos, para verificar a situación de deterioro da zona e recoller información cara á definición dun proxecto integral de rexeneración. Como xa se informou a pasada semana, os concellos de Fene, Cabanas e Mugardos acadaron o compromiso do organismo autonómico, nunha reunión na que participou o pasado día 3 de abril a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e o director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, para pór en marcha un plan de acción conxunto que revirta o alto nivel de deterioro que presenta o curso fluvial.

1096

Os técnicos percorreron o cauce do Baa desde unha zona próxima ao cruce entre as avenidas de Bello Piñeiro e do Seixo ata o límite coa rúa Celso Emilio Ferreiro. Durante o percorrido, os representantes de Augas de Galicia comentaron que lles consta a presenza dun pequeno número de troitas neste curso fluvial, aínda que na visita non se clarexou se teñen a intencion de traballar na reintrodución desta especie. Ao contrario, os técnicos de Augas descubriron nesta ocasión a presencia na zona da especie vexetal protexida Dryopteris guanchica, que descoñecían.

1097

Si se constatou a boa acollida que por parte dos técnicos de Augas de Galicia ten a idea presentada polos concellos de rehabilitar a canle que levaba auga ao antigo muíño, na zona na que empezou a visita, así como o control da calidade das augas, poñer coto as verteduras ou a revisión dos expedientes que teñen que ver con construcións que invaden o río e que poidan ser da súa. Outros aspectos, como a limpeza de malezas e control de especies vexetais autóctonas na zona, segundo indicaron os propios técnicos da Xunta, son responsabilidade dos concellos.

Os representantes de Augas de Galicia comprometéronse a remitir un informe, no que se delimiten competencias de cada unha das administracións implicadas, para poder levar a cabo unha acción coordinada e efectiva. A alcaldesa, Pilar Díaz, amosouse satisfeita de que se verificase a visita no prazo acordado e expresou a súa confianza en que o proxecto de rexeneración integral do Baa poida poñerse en marcha tamén con axilidade.