Xoves, 18 Outubro de 2018

O Concello asina un convenio de colaboración co Club Pulpeiros BTT

/ Martes, 17/04/2018 - 09:58
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A entidade organiza para os día 19 e 20 de maio a Montefaro Enduro Race, proba puntuable para o Open España de Enduro e para a Copa Galicia

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, vén de asinar un convenio de colaboración co club Pulpeiros BTT, por valor de 2.500 euros, co obxectivo de apoiar o funcionamento da escola deportiva da entidade e a organización doutras actividades, en particular a celebración da Montefaro Enduro Race, a primeira proba do Open España de Enduro que se vai celebrar no concello. O Montefaro Enduro Race vaise desenvolver durante o 19 e o 20 de maio e, ademais de ser unha competición puntuable para o Open España Enduro, tamén forma parte do calendario da Copa Galicia.
 
Pilar Díaz felicitou ao club por acadar que a Federación Española de Ciclismo adxudicase a Mugardos esta importante proba e expresou a disposición do goberno local para apoiar á entidade e que todo se desenvolva da mellor maneira posible.
 
O presidente do Club Pulpeiros BTT, Ramón Romero Mandiá, expresou o agradecemento da entidade tanto ao goberno local como aos grupos municipais, que apoiaron a necesaria modificación de créditos para a sinatura deste convenio. “Aínda que a cantidade sexa xusta para todas as actividades que temos programadas, danos a posibilidade de levar adiante o Open de España de Enduro e seguir traballando coa escola de BTT, que nestes momentos conta con 45 nenos e nenas”.