Venres, 22 Novembro de 2019

Mugardos apelará á FEGAMP na busca dunha solución ás consecuencias da resolución de portos

/ Martes, 24/04/2018 - 13:45
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A reunión celebrada o pasado mércores 18 de abril non contou coa presencia do presidente do organismo autonómico nin do portavoz do PP.

O presidente de Portos, José Juan Durán Hermida, non acudiu hoxe á reunión cos grupos municipais de Mugardos. Tampouco estivo na mesma o representante do PP de Mugardos, circunstancia que lamentou a alcaldesa, Pilar Díaz, quen lembrou que a entrevista foi solicitada por acordo unánime na Xunta de Voceiros e que o tema a tratar, as consecuencias da aplicación do novo regulamento de Portos, é do máximo interese para a vila.
 
A alcaldesa, Pilar Díaz, que acudiu á reunión xunto cos voceiros de EU, ICM, BNG e PSOE, lamentou tamén a ausencia do presidente de Portos. No seu lugar acudiu Antonio López, o técnico xefe da Zona Norte, co que a entrevista se desenvolveu nun ambiente de cordialidade.
 
Na reunión clarificouse que a maioría dos espectáculos previstos na zona do peirao van poder desenvolverse. Son os que teñen relación coas festas patronais, con celebracións gastronómicas como a Festa do Polbo ou con outros programas que, segundo establece a resolución de Portos publicada o pasado 26 de setembro, teñan arraigo cultural ou relación co mundo náutico. A alcaldesa, Pilar Díaz, expresou, non obstante, a súa preocupación porque non van poder organizarse nestes espazos outras actividades como a Milla Nocturna, cuxa última edición tivo que mudar de ubicación por este motivo; ou as saídas de probas de BTT, por exemplo.
 
Así as cousas, o grupo de goberno ten a intención de apelar á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), dado que non é un problema exclusivo de Mugardos e existen outros concellos no mesmo caso. A alcaldesa, Pilar Díaz, levou á reunión da Xunta de Voceiros un documento coa proposta, na que se instará á FEGAMP a promover unha reunión entre os concellos afectados e mediar ante Portos, para a súa posterior aprobación no pleno da corporación.
 
Por outra banda, o grupo de goberno tamén vai propoñer que o Concello solicite por escrito a Portos de Galicia que elabore xa, como é a súa obriga, o plan de usos do porto de Mugardos.