Domingo, 21 Xullo de 2019

Acordo dos grupos municipais sobre a compra da Cámara Agraria de Mugardos

/ Venres, 27/04/2018 - 08:29
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello non acudirá á poxa convocada pola Consellería de Facenda pero mantén en pé a súa oferta de comprar o inmoble segundo a súa taxación.

A Xunta de Voceiros do Concello de Mugardos aprobou o pasado xoves día 19 por unanimidade a proposta de acordo presentada pola alcaldesa, Pilar Díaz, sobre o edificio da Cámara Agraria de Mugardos por parte da Consellería de Facenda. A administración autonómica saca a subasta o devandito inmoble cun prezo de saída de 80.716 euros, unha cantidade moi superior á taxación feita polo Concello, que cifra o seu valor en 38.895,56 euros. O acordo adoptado consistía en solicitar á Consellería que desistira da poxa, programada para este pasado mércores, día 25, e establecía que, no caso de que se celebrara e resultara deserta, o Concello reiteraría a súa vontade de compra por 38.895,56 euros.
 
A proposta chegou á Xunta de Voceiros xunto con un informe asinado polo secretario e a interventora do Concello no que se desaconsella a adquisición da Cámara Agraria nas actuais circunstancias, dada a diferencia de prezo fixada para as poxas.
 
A alcaldesa, Pilar Díaz, recordou que o asunto chega a este punto despois de que a Consellería de Facenda rexeitara facer unha venda directa ao Concello, tomando como referencia o valor pericial aportado polo mesmo ou admitindo, tal como tamén se propuxo desde o goberno local, facer unha valoración independente. Tamén descartou a Consellería, explicou Díaz Otero, facer unha nova cesión de uso ao Concello na que non houbera restricións de uso, é dicir, que puidera ter outro destino que o meramente agrario.
 
“O dano xa está feito”, considerou a alcaldesa, aludindo a que desde o ano 2011, no que rematou o convenio de cesión, “o Concello xa non dispoñía da Cámara Agraria, por negarse a Consellería a unha nova cesión e admitindo só a compra por parte do Concello ou a permuta por outra propiedade”. Así, o edificio sufriu nestes anos un considerable deterioro, di a alcaldesa, “a pesares de que investimos 90.000 euros para a reparación da cuberta e o acondicionamento do edificio”.
 
“Resúltanos incomprensible que ahora a Xunta prive á veciñanza de Franza do edificio da Cámara Agraria para o seu uso, tras o investimento realizado polos mugardeses, que evitou que se convertise nunha ruína”.
 
Tendo en conta que a poxa estaba marcada para o pasado mércores día 25, a alcaldesa convocou un pleno extraordinario e urxente o pasado venres, ás 09.15 horas, no que esperaba refrendar a votación unánime.