Luns, 22 Xullo de 2019

Satisfacción polo cambio de titularidade da AC-133 no seu tramo urbano

/ Venres, 27/04/2018 - 08:48
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, recorda que o Concello ten solicitado tamén a cesión doutras dúas vías pertencentes á Xunta de Galicia.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, expresou a súa satisfacción pola decisión do Consello da Xunta de autorizar o cambio de titularidade da AC-133 no seu tramo urbano, coincidindo coa rúa Xesteira e a Avenida de Galicia. A administración municipal acadará a competencia sobre a estrada coa sinatura da acta correspondente, no prazo máximo de dous meses desde a publicación do acordo no DOG. “Remata un proceso que comezamos en agosto de 2016 e que respondía a unha vella aspiración deste Concello”, comentou Díaz Otero.
 
O paso a mans municipais desta estrada, que atravesa o centro da vila por diante do consistorio e dá acceso ao porto, “significa un importante beneficio para a veciñanza”, explicou a alcaldesa, que fixo referencia á maior axilidade que haberá na tramitación de permisos e licencias de obra ou para realizar intervencións como a prevista ampliación das beirarrúas.
 
Díaz Otero recordou, ao fío deste acordo, que o pleno acordou recentemente solicitar tamén o cambio de titularidade de parte doutras dúas estradas de titularidade autonómica. Así, o Concello de Mugardos aspira á cesión da AC-132 ao seu paso polo Seixo, no tramo que vai desde o peirao á ponte do Baa, do que segundo a alcaldesa xa se ten falado en varias reunións con responsables da Xunta. “Neste vial urxe a renovación do aglomerado”, explicou Pilar Díaz aludindo ao seu mal estado.
 
Por outra banda, tamén está formalmente solicitada a cesión da AC-130 no tramo que coincide coa rúa Os Corzás, igualmente en zona urbana. A alcaldesa expresou a esperanza do goberno local de que estes trámites rematen este ano.