Mércores, 21 Novembro de 2018

Interrupcións do tráfico pola rodaxe de "Serramoura"

/ Martes, 08/05/2018 - 13:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello autorizou o corte da rúa Ferrol durante dúas horas o vindeiro xoves, así como a suspensión intermitente da circulación no vial Aldea Rilo.

O Concello de Mugardos informa de que este xoves vanse realizar cortes puntuais de tráfico en dous viais da vila con motivo da rodaxe da serie “Serramoura”, que emite a TVG. Así, a produtora conta con permiso da administración municipal para interromper a circulación de vehículos na rúa Ferrol, entre as 13.00 e as 15.00 horas deste xoves, tempo durante o cal o tráfico será desviado polas rúas Catroventos e Eduardo Pondal.

Tamén estará o equipo da rodaxe no lugar de Aldea Rilo, de 16.00 a 19.00 horas, aínda que neste caso o traballo unicamente precisará de cortes intermitentes, entre os que se dará paso aos coches. A produtora garante en ámbolos dous casos o paso de vehículos de emerxencia.