Martes, 21 Agosto de 2018

O Concello obtén unha axuda da Deputación para facer 5 contratacións para a limpeza de praias

/ Mércores, 09/05/2018 - 11:01
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local anunciará a apertura do proceso de selección despois de que a resolución publicada este luns sexa definitiva.

A Deputación da Coruña vén de publicar a resolución correspondente á concesión provisional de subvencións do programa de limpeza de praias marítimas. O Concello de Mugardos recibe 20404,33 euros, que servirán para cubrir algo máis do 60% do custo da contratación de cinco peóns, durante tres meses, para o mantemento do areal da Bestarruza. A alcaldesa, Pilar Díaz, explicou que agora ábrese un prazo de alegacións á resolución, de dez días, tras o que se fará definitiva e que despois o Concello informará da posta en marcha do proceso de selección.

O goberno local de Mugardos ten solicitadas neste momento diferentes liñas de axudas coa finalidade de contratar persoas desempregadas. A previsión é dar emprego a 24 persoas, entre as que están os cinco peóns devanditos para a limpeza de praias, os dous técnicos que atenderán a oficina de turismo e os dous socorristas que velarán pola seguridade dos bañistas da Bestarruza.

A estas contratacións directamente vencelladas á campaña de verán e de praia, súmanse outras 15 contratacións ao abeiro de diferentes programas da Deputación Provincial ou da Xunta de Galicia. Está prevista a incorporación, por esta vía, de dous albaneis e tres peóns, un tractorista, dous auxiliares da Policía Local, de cinco traballadores apra a brigada forestal e de dous perceptores da Risga.