Martes, 22 Maio de 2018

Obras de mellora na rúa Yáñez Badía

/ Mércores, 09/05/2018 - 10:41
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A intervención adxudicouse por 58400 euros, con cargo aos remanentes do POS de 2016.

A empresa Canarga comezou estes días as obras de mellora da Rúa Francisco Yáñez Badía, máis coñecida como A Seaña, coas que o Concello pretende mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade da veciñanza que transita por ela.

Segundo recordou a alcaldesa, Pilar Díaz, é unha intervención adxudicada por un presuposto de 58400 euros e que se executa con cargo aos remanentes do Plan de Obras e Servizos (POS) de 2016. Así, a Deputación Provincial da Coruña sufraga en torno ao 63% do investimento e as arcas municipais o resto.

Pilar Díaz comentou que é unha rúa longa, cun trazado composto por tres camiños que suman máis de 1,8 quilómetros de lonxitude, e cun estado de deterioro que facía xa moi necesaria esta intervención. As obras consisten na limpeza de foxos, a reparación das fochancas e a aplicación dunha capa de mestura asfáltica en quente. O prazo das mesmas é de dous meses.