Martes, 22 Maio de 2018

Os Maios 2018

/ Mércores, 09/05/2018 - 10:47
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Os grupos escolares fixeron as letras das súas propias cancións para esta celebración.

O Cantón de Cora, no peirao de Mugardos, buliu na mañá do pasado 4 de maio coas cancións e bailes da festa dos Maios que protagonizaron os alumnos e alumnas dos colexios Unión Mugardesa e Loyola e o IES Mugardos. A concelleira de Cultura, Lola González, recordou que o Concello promove estes actos coa colaboración da Asociación Cultural Apelón e que o pasado mércores día 2 xa tivo lugar tamén no CEIP Santiago Apóstolo de Franza. Os outros tres centros educativos compartiron o venres a festa dos Maios, co acompañamento dun grupo de música tradicional.

Os nenos e as nenas compuxeron as súas propias cancións para amenizar esta festa vencellada á chegada da primavera. Un estribillo dicía así “Déano-lo maio, señores cabaleiros/ se non teñen maio, déanos diñeiro./ E viche-lo maio, e víchelo ben,/ agora xa se foi ata o ano que vén”, e outro rezaba “os de primeiro da ESO/ temos trece primaveras/ aprendices de poetas/ escribimos sen chuletas”.

O bo tempo acompañou a festa, na que xunto coa rapazada tamén gozaron outros veciños e veciñas que se achegaron ata o Cantón de Cora.

A edil Lola González destacou a vitalidade dos centros educativos mugardeses e a creatividade que amosaron, ao tempo que valorou a importancia de contribuír á recuperación desta tradición galega.

1104