Martes, 21 Agosto de 2018

Pumptrack

/ Martes, 15/05/2018 - 08:30
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Pleno aprobou o cambio de usos necesarios para a construción do Pumptrack no Baño.

O circuíto contará cun percorrido pavimentado e sinalizado, con curvas e peraltes que farán máis divertida a experiencia sobre rodas.

O pleno da corporación aprobou o pasado 27 de maio, cos votos a favor de EU, PP e PSOE, o cambio de uso da parcela no que se vai construír o pumptrack. Faise, en realidade, unha permuta dentro do ámbito do mesmo plan parcial do Baño: os terreos nos que vai a instalación estaban planificados como de uso dotacional escolar e agora pasan a ser de equipamento deportivo, e outra parcela próxima, que era de equipamento deportivo, pasa a ser de uso escolar.

A instalación virá a reforzar aínda máis a afección que xa existe en Mugardos polo ciclismo, como demostra o feito de que os vindeiros días 19 e 20 de maio a localidade vaia acoller o Montefaro Enduro Race, a primeira proba puntuable para o Open España Enduro.

Un pumptrack é unha instalación novidosa e que non deixa de gañar adeptos. Trátase dun circuíto ao aire libre para ir con bibicleta ou calquera outro trevello de rodas, como patíns ou skates, sempre para a práctica de deportes de inercia.

O de Mugardos vai ocupar unha superficie de máis de 1300 metros cuadrados, aínda que o circuíto en si sumará preto de 700, con curvas, peraltes e montículos deseñados para facer o percorrido máis divertido. A inversión necesaria será de 95525 euros e o goberno local confía e poder contar co respaldo da Deputación da Coruña, coa que as conversacións están xa avanzadas. Tamén ten o goberno local iniciadas as xestións con Augas de Galicia e Patrimonio, coa finalidade de axilizar ao máximo os permisos necesarios destas administracións.

1105

Segundo recordou Lola González, a concelleira de Deportes, este é un proxecto que encaixa coa idea de impulsar en Mugardos o turismo de natureza e ocio saudable, e que resposta, ademáis, á demanda expresada polos clubes locais de ciclismo, nomeadamente Pulpeiros BTT e o Club do Mar. É unha instalación innovadora, que ten un mantemento sinxelo e que pode atraer á vila a moitos afeccionados/as, pequenos e maiores, aos deportes de rodas. O pumptrack estará debidamente pavimentado e sinalizado e será de acceso libre.