Venres, 19 Outubro de 2018

Adxudicadas as obras de consolidación do Cine Zárate

/ Mércores, 16/05/2018 - 09:18
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A empresa Ogando comezará en xuño a intervención, que ten un prazo de catro meses.

A Xunta de Goberno Local adxudicou á empresa construtora Ogando a execución do proxecto de consolidación e desentullo do antigo Cine Zárate, por un importe de 110005,06 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, informou de que as obras poderán comezar en xuño e de que o prazo é de catro meses, ao tempo que expresou a súa satisfacción por poder dar un paso máis nunha actuación capital dentro dun proceso de rexeneración e recuperación do centro da vila, que permitirá tanto crear espazos verdes como de usos culturais e de lecer para a cidadanía.

O proxecto abrangue a consolidación das estruturas do antigo Cine Zárate cuxa situación revista perigo, e a eliminación daquelas que non sexan recuperables, polo seu estado. Neste último caso, extraeranse moldes de todos os elementos para garantir a súa futura recuperación. No decurso da actuación tamén se eliminarán construcións que non formaban parte do conxunto orixinal, como é o caso dos “quioscos”, do muro que linda co Concello e da muralla posterior do conxunto.

A actuación permitirá tamén recuperar a vella fonte dos catro caños, situada na parte posterior do cine, así como facer unha urbanización axeitada da zona dos quioscos, cun pavimento de lousas de granito e un banco corrido a modo de varanda de protección.

Durante o tempo que dure a intervención, o Zárate quedará cuberto cunhas lonas decoradas que mitigarán as molestias para a veciñanza e mellorarán o aspecto da zona.

Para levar adiante a intervención, o actual goberno local obtivo o visto bod a Comisión Territorial de Patrimonio Histórico Galego da Coruña, dependente da Consellería de Cultura.