Martes, 22 Maio de 2018

O Concello de Mugardos abre hoxe os actos polo Día das Letras Galegas

/ Mércores, 16/05/2018 - 09:41
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello de Mugardos celebra o Día das Letras Galegas con diferentes actos e actividades tanto hoxe como mañá xoves 17 de Maio, organizadas en colaboración con entidades da vila.

Os actos das Letras Galegas en Mugardos comezan hoxe mércores 16, cunha proposta dirixida a escolares de primeiro a quinto de Primaria. Trátase da actividade “Tempo de letras...e xogo!, un “Trivial” en homenaxe a María Victoria Moreno no que competirán nenos e nenas, formando equipos de tres integrantes e por idades. As persoas interesadas poden inscribirse xa na Biblioteca Municipal ou chamando ao 981 470 301. O xogo desenvolverase na OMIX ás 17.00 horas.

Tamén hoxe, o Casino Progreso de Franza acollerá un concerto xa tradicionalmente vencellado á festa das Letras Galegas. A Coral Mugardesa “Estelas do Mar” e a Rondalla Mugardesa ofrecerán o recital, que comezará ás 19.30 horas e será de entrada libre.

E por último mañá xoves, 17 de maio, a asociación cultural Apelón, tamén coa colaboración do Concello, repartirá pola vila globos e marcapáxinas conmemorativos das Letras Galegas e da homenaxeada María Victoria Moreno. Un grupo de música popular acompañará o percorrido, que comezará ás 11.30 horas no Concello e irá ata o peirao.