Venres, 18 Outubro de 2019

Espazo Infantil de Xogo, verán 2018

/ Mércores, 30/05/2018 - 16:38
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O prazo para a formalización das solicitudes será do 31 de maio ao 8 de xuño de 2018, e ata o 10/08/2018 no caso de que houbese vacantes.

O Concello de Mugardos abre mañá o prazo de inscrición no Espazo Infantil de Xogo, a proposta para facilitar a conciliación da vida laboral, familiar e persoal na vila durante os meses de xullo e agosto. Tal como destacou a concelleira de Benestar Social, Lola González, por primeira vez este verán a iniciativa vaise desenvolver en dous núcleos de poboación, por unha banda e como era xa habitual, nas instalacións do CEIP Unión Mugardesa, e por outra, como novidade, nas do CEIP Santiago Apóstolo de Franza. Rexerase polas Bases xerais do Espazo Infantil de Xogo do Concello de Mugardos (BOP núm. 101 do 30/05/2018), así como a ordenanza fiscal núm.28 reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios educativos e de conciliación da vida familiar e laboral. 

O obxectivo é “facilitar ao máximo o acceso de nenas e nenos de entre tres e doce anos a este servizo educativo e de esparexemento, no que ademais de aprender e pasalo ben trabállanse valores como a convivencia, a igualdade, a saúde, o ocio ou o consumo responsable”.

O prazo de solicitude estará aberto ata o día 8 de xuño. O Espazo Infantil de Xogo organizarase en quendas de quince días, nas que deberá haber un mínimo de sete inscritos. As familias poden solicitar o horario completo (de 08.00 a 14.00 horas) ou o reducido (de 10.30 a 14.00 horas) e, tamén optativamente, apuntar aos seus fillas e fillos nos servizos de almorzo e xantar, o primeiro de 08.00 a 09.30 horas, e o segundo de 14.00 a 15.30 horas.

Estes servizos teñen os prezos e as bonificacións e exencións establecidas na correspondente ordenanza municipal, de maneira que segundo a capacidade económica das familias a quincena pode custar entre 0 e 30 euros; o servizo de almorzo suporá un máximo de 20 euros e o de xantar, 44 euros. O Espazo Infantil de Xogo está dirixido en primeiro lugar aos veciños de Mugardos, aínda que tamén poden solicitar praza nenos e nenas non empadronados na vila, que ocuparán as prazas vacantes.
 
Nas diferentes quendas haberá un máximo de 45 participantes no Espazo Infantil de Xogo do CEIP Unión Mugardesa e de 30 no CEIP Santiago Apóstolo. As actividades desenvolveranse nos patios cubertos e instalacións exteriores destes centros, así como nos respectivos comedores, e haberá tamén saídas e excursións a outros lugares da contorna.
 
As familias interesadas poden dirixirse a partir de mañá aos Servizos Sociais do Concello para presentar as súas solicitudes e para informarse (2º andar).

A continuación pódese consultar máis información sobre a convocatoria e bases xerais e descargar os impresos de solicitude: