Venres, 22 Xuño de 2018

O prazo de presentación de obras ao concurso de pintura "Piñeiro Pose" estará aberto ata o próximo 13 de xuño

/ Luns, 04/06/2018 - 19:37
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Os premios entregaranse o día 6 de xullo, coincidindo coa apertura da exposición, por primeira vez en exclusiva para este certame.

O Concello de Mugardos abriu o prazo de presentación de obras para o XXVIII Concurso de Pintura “Piñeiro Pose”. Ata o vindeiro 13 de xuño o Departamento de Cultura admitirá orixinais, que deberán chegar acondicionados para a súa exposición e asinados. O certame Piñeiro Pose está dirixido a artistas que teñan un máximo de 17 anos na data de presentación, que por primeira vez este ano verán as súas obras nunha exposición independente da que se celebrará con motivo do fallo do premio Bello Piñeiro, para maiores de idade.

A concelleira de Cultura, Lola González, explicou que este e algún outro cambio nas bases se introduciron co asesoramento da profesora da Escola Municipal de Pintura, precisamente “coa intención de darlles o seu protagonismo aos artistas noveis”. Destacou tamén a longa traxectoria deste certame, que ten representado ao longo dos seus máis de vintecinco anos un empurrón para moitos pintores hoxe xa consagrados.

As obras terán un tamaño máximo de 150x150cm, a técnica é libre e o tema é “A nosa terra”, ben sexa paisaxe, contorna ou tradicións. Haberá dúas categorías, ata os 12 anos e de 13 a 17 anos, cuxos premios, respectivamente, serán unha tablet e material de pintura por valor de 150 euros. Ademais se establece unha categoría para o mellor pintor ou pintora local, cuxo premio será un vale por importe de 50 euros. A estes premios sumaranse dúas mencións de honor coa finalidade de estimular a participación.

A exposición do certame inaugurarase o día 6 de xullo, ás 20.00 horas, no Local Social de Maiores, e no mesmo acto entregaranse os premios. Aquí poden consultarse as bases e descargar a ficha de inscrición que acompañará á obra.