Venres, 22 Xuño de 2018

Os alumnos e alumnas do ciclo básico de Agroxardinaría rematan o curso coa vista posta nas prácticas de empresa

/ Luns, 04/06/2018 - 19:55
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O director do programa, Serafín Álvarez, destaca a importancia deste programa para manter no sistema educativo a mozos e mozas con dificultades académicas.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e a concelleira de Educación, Lola González, visitaron en días pasados as plantacións do ciclo básico de FP en Agroxardinaría e Composicións Florais que se implantou no presente curso 2017/2018 no IES Mugardos. As responsables municipais puideron comprobar como están a agromar e medrar os cultivos do alumnado no invernadoiro e nos terreos cedidos con esta finalidade nas proximidades do propio instituto. Segundo informan as responsables municipais, o Concello segue a apoiar á dirección do IES para solicitar novos ciclos formativos que veñan a enriquecer a oferta educativa na vila.

O director do ciclo de Agroxardinaría e Composicións Florais, Serafín Álvarez, comentou que xa existen contactos con varias empresas dispostas a acoller aos mozos e mozas que realizan este programa e lembrou que tamén o propio Concello ten o compromiso de facilitarlles prácticas coas cuadrillas de mantemento dos xardíns públicos.

Serafín Álvarez destacou deste programa de FP Básica que o seu obxectivo é manter dentro do sistema educativo a mozos e mozas en risco de abandonalo, moitas veces repetidores. O ciclo permítelles acceder a unha formación máis personalizada, con menos profesores, moi práctica, que en ocasións convértese nunha etapa necesaria para replantexarse o futuro e mesmo seguir formándose. Superar o programa significa contar cun título equivalente ao de Secundaria e ter acceso tanto a Bacharelato como a un ciclo medio de FP.

1116

O título de Agroxardinaría e Composicións Florais ábrelles tamén a porta á inserción laboral tanto en traballos de mantemento de xardíns, agrícolas ou floristería, coa vantaxe, nesta zona, de que o IES de Mugardos é, xunto cun centro de Arzúa, o único que imparte este programa na provincia.

Cómpre recordar que o Concello de Mugardos dotou ao instituto dun almacén para dar servizo a este ciclo, cunha inversión de máis de 8000 euros, e cedeu zonas verdes na contorna do mesmo para as plantacións do alumnado. Coa primeira promoción xa no Ecuador da súa formación, informou Serafín Álvarez, en breve abrirase o plazo de admisión de novos alumnos e alumnas.