Venres, 22 Xuño de 2018

Festa do Polbo e celebracións do Carme

/ Venres, 08/06/2018 - 12:53
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A concelleira de Cultura, Lola González, destaca que o goberno aínda traballa para incorporar algunha sorpresa máis ao cartel.

A vila de Mugardos vivirá o seu xullo máis festeiro este ano, xa que a sucesión no calendario da Festa do Polbo e das celebracións do Carme propicia nove días seguidos de xolda, cun programa de actividades para todos os públicos. Do 13 ao 22 de xullo, segundo explicou a concelleira de Cultura, Lola González, o devezo do goberno local foi construír un cartel con atractivos para todos os públicos, de cero a cen anos, co tirón suficiente para que Mugardos se converta nun polo de atracción para veciños e veciños de toda a contorna e tamén para os visitantes e turistas que acudan á zona nesas datas.

Lola González subliñou que estas son as actividades xa pechadas, pero que “aínda estamos a traballar na animación infantil e noutras sorpresas” tanto para as datas das festas como para o mes de agosto, que tamén contará con espectáculos e actividades de ocio.

A información actualizada sobre as Festas pódese consultar na web: www.festasdemugardos.com.

O cartel das festas é o seguinte:

13 de xullo: no Cantón de Cora, ás 22.00 horas. Concerto do grupo vocal EntrElas, formado por voces femininas de gran calidade, entre as que hai dúas mugardesas, que ofrecerán o seu repertorio de interpretacións a capela. A continuación, ás 22.30 horas, encendido do polbo formado por 50.000 lámpadas led.

14 de xullo: XXVIII Festa do Polbo. Xunto coa degustación do produto estrela da vila mugardesa, no programa inclúense pasarrúas de Charanga Mekanika e Kilomberos ao longo da xornada, e pola noite, ás 22.30 horas, un concerto do grupo Claxxon.

15 de xullo: logos dos actos relixiosos, a xornada festiva continuará con animación infantil e, ás 22.00 horas, verbena no Cantón de Cora con concerto da orquestra Gran Parada.

16 de xullo: esta xornada, festividade local en Mugardos, comezará cunha regata de batéis, ás 10.00 horas, organizada polo Club do Mar. Ás 12.00 horas, concerto da Banda de Música Ferrolá na carpa do Parque da Constitución e tamén inchables para os nenos e nenas no Cantón de Cora. Pola noite, ás 22.30 horas, concerto de Roi Casal na carpa do Parque da Constitución. O cantante chega a Mugardos na súa xira do décimo aniversario, o tempo transcurrido nos escenarios desde que publicou o seu primeiro disco en solitario.

17 de xullo: a cantante Uxía Senlle, recoñecida figura da música galega, ofrecerá un concerto ás 22.30 horas, na carpa do Parque da Constitución.

18 de xullo: chega á vila o espectáculo “Encantamento de rúa”, a cargo do mago Martín Camiña. A función comezará ás 21.00 horas no Cantón de Cora.

19 de xullo: na carpa do Parque da Constitución, concerto da banda tributo a Joaquín Sabina “500 noches banda”, na que repasarán os grandes éxitos do incombustible cantautor, ídolo musical de varias xeracións desde os anos 80 ata hoxe.

20 de xullo: tamén baixo a carpa, celebrarase o xa tradicional e sempre exitoso Festival de Folklore Internacional. Participan formacións procedentes de Colombia, Rusia e Senegal, xunto con outras de Albacete e Galicia. Todas desfilarán desde o Concello ata o Parque da Constitución, a partir das 20.00 horas, coa previsión de comezar as actuacións ás 21.00 horas.

21 de xullo: ás 12.30 horas no Parque da Constitución, actuación da Rondalla Mugardesa, co seu repertorio clásico e algunha novidade, que servirá para que moitas persoas que non poden gozar da súa música na festa das rondallas a disfruten tamén en verán. No mesmo lugar, ás 22.30 horas, concerto de Luar na Lubre, un dos iconos da música folk en Galicia, que está a celebrar o seu trinta aniversario.

22 de xullo: o programa remata co II Certame de Canción Mariñeira, un evento que xa contou con gran éxito o pasado ano e que resposta á enorme tradición de música coral que existe en Mugardos e na súa contorna. Ás 19.00 horas, na carpa, actuarán a Coral Estelas do Mar, de Mugardos, e o Coro San Andrés Sergio Domingo, de la localidad asturiana de El Entrego.

No cartel das festas haberá códigos QR, cos que a xente poderá acceder, a través dos seus smartphones, a máis contidos sobre cada un dos artistas, vídeos, etc.

A continuación móstrase o cartel das festas:

1118