Venres, 19 Outubro de 2018

Comezaron as obras de mellora en oito camiños municipais

/ Luns, 11/06/2018 - 11:33
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A empresa adxudicataria comezou pola rúa Casás, unha das que precisa unha intervención de máis calado.

A construtora Ogando iniciou a semana pasada o paquete de obras de mellora en oito camiños municipais que lle adxudicou o Concello de Mugardos por valor de 132.031,33 euros. Os traballos arrincaron pola rúa Casás, unha das que precisa unha intervención de maior profundidade. Así, a construtora comezou por levantar dous tramos de beirarrúas que vai repoñer, e tamén saneará todo o firme da calzada. Segundo informou a alcaldesa, Pilar Díaz, as obras deberán estar rematadas ao finalizar o mes de xuño, se a meteoroloxía o permite.

O paquete de obras abrangue tamén a reparación e pavimentación dos camiños e rúas das Viñas, Mariocos, Contramaestre Casado, Mercado, Curros Enríquez, Coruto e O Cristo. Nesta última, como na devantida rúa dos Casás, tamén se fará unha renovación de dous tramos de beirarrúas.

É unha actuación de envergadura, que non se limita a cubrir fochancas e renovar a capa de asfalto. Están previstas intervencións en profundidade para garantirlles unha vida útil de dez anos e prolongar. Estas obras son financiadas na súa totalidade co presuposto municipal.