Venres, 19 Outubro de 2018

A Festa do Polbo de Mugardos manterá o prezo da ración

/ Luns, 11/06/2018 - 16:46
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A XXXVIII Festa do Polbo presentouse o pasado sábado, cunha demostración e degustación, na Feira de Festas de Interese Turístico que se desenvolveu en Silleda.

O polbo á mugardesa foi protagonista o pasado sábado na sexta Feira de Festas de Interese Turístico (Festur), que desenvolveu no recinto de Silleda coincidindo co Salón Turístico de Galicia. A alcaldesa, Pilar Díaz, e a concelleira de Cultura, Lola González, asistiron a unha demostración culinaria na que se preparou e se degustou a receita tradicional da vila, ao tempo que se deu a coñecer o programa da XXVIII Festa do Polbo que terá lugar o 14 de xullo. O Concello de Mugardos conta cun stand propio nesta importante feira, que o ano pasado visitaron máis de 10.000 persoas e importantes turoperadores do ámbito nacional e internacional.

Tal e como informaron as responsables municipais, todo está xa preparado para gozar dunha nova edición da festa gastronómica en Mugardos. Como é habitual, unha carpa de grandes dimensións instalarase no Parque da Constitución, adornada cun polbo xigante que fará con globos a empresa local Globecientos.

Haberá sete puntos de servizo para servir as racións de polbo. O Concello mercou 1.500 quilos do prezado cefalópodo, que pese á suba que está a experimentar, venderanse aos mesmos prezos do ano pasado: a 10 euros a ración de polbo á mugardesa e a 2 euros a de empanada de polbo, cunha taza de viño e pan. Coas racións, o público levará de regalo o plato e a taza, de alfarería de Buño.

Para que todo se desenvolva con axilidade, estarán abertas desde as doce do mediodía tres ventanillas de venda de tickets. E con anterioridade, a veciñanza de Mugardos poderá mercar os seus tickets nas oficinas de recadación do Concello.

Á unha da tarde comezarán a servirse as racións.Nesta edición, a empresa IN9 Eventos ocuparase da elaboración e o servizo do polbo. É unha empresa especializada en eventos gastronómicos e festas populares de gran magnitude, que aporta toda a infraestructura necesaria para a correcta conservación e elaboración dos ingredientes, así como o persoal necesario. O seu cociñeiro foi o encargado de facer o “showcooking” en Fertur o pasado sábado. Ademáis, a Panadería García López ocuparase da empanada e o pan.

E xunto ás viandas, a música tamén estará presente na Festa do Polbo. Ao mediodía animará a zona do porto a Charanga Mekánica e pola tarde daranlle o relevo Os Kilomberos de Monte Alto, que percorrerán ademais do peirao as rúas altas da vila. Pola noite, a partir das 22.30 horas, a festa terá o seu colofón cunha verbena animada pola orquestra Claxxon.

O público terá ao seu dispor un aparcamento na área próxima a Forestal del Atlántico, cun bus lanzadeira que irá cada media hora, durante todo o día, ata o centro da vila mugardesa. Tamén se incrementara a frecuencia das lanchas desde Ferrol, todo coa finalidade de facilitar a asistencia e garantir a seguridade nas rúas de Mugardos.

Este ano, a Festa do Polbo dará paso a unha semana de festas, ao coincidir no calendario as celebracións do Carme. Como Festa de Interese Turístico de Galicia, o evento gastronómico de Mugardos desenvólvese sempre nunha data fixa, o segundo sábado do mes de xullo.