Martes, 21 Agosto de 2018

O Concello apoia con 24000 euros as actividades do Club do Mar

/ Luns, 11/06/2018 - 17:17
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, asinou esta mañá o convenio de colaboración co presidente da entidade, Guillermo José Pereira.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, asinou esta mañá o convenio de colaboración co Club do Mar, a través do cal o Concello financia con 24.000 euros a organización das actividades ordinarias da entidade e tamén algúns eventos deportivos, nomeadamente a III Bandeira de Traiñas (o 19 de agosto), o I Trofeo de Bateis (o 16 de xullo), o XLVII Trofeo de Chave (a final será o 21 de xuño) e o I Trofeo de Remoergómetro Escolar, todas competicións que levan o nome de Concello de Mugardos.

A alcaldesa, Pilar Díaz, expresou a súa satisfacción por manter un ano máis a colaboración co Club do Mar e destacou que por primeira vez se vai impulsar un torneo de Remoergómetro escolar. Porase en marcha en torno ao próximo mes de outubro e servirá para levar o deporte do remo aos nenos e nenas dos centros educativos da vila. “É unha vía que se abre para que este deporte tradicional poida incorporar ás novas xeracións”, subliñou a alcaldesa, quen tamén felicitou ao Club do Mar por ter conseguido por primeira vez unha dotación de traíña feminina, un logro que coincide co interese do seu goberno por apoiar precisamente o deporte feminino, e polos seus últimos éxitos en diferentes competicións.

O presidente do Club do Mar, Guillermo José Pereira Coto, expresou o seu agradecemento ao apoio do Concello e comentou que a entidade ten multitude de actividades en curso e eventos para os vindeiros meses. Con 450 socios, o Club do Mar de Mugardos é unha asociación veterana na vila, cunha orixe vencellada á confraría de pescadores e máis de medio século de andadura co seu nome actual. Ademais de remo, deporte no que ten situado a Mugardos na primeira liña das competicións galegas, o club ten actividades de ciclismo e chave, en breve vai crear unha sección de buceo, e ao longo do ano organiza andainas e mesmo algunha celebración gastronómica como a Festa do Marisco que ten prevista para o 4 de agosto. Durante o verán, o Club do Mar pon en marcha unha escola na que, xunto coa iniciación ao remo, os nenos e nenas teñen ocasión de probar o tiro con arco, navegar en kayak ou facer xogos na praia.

Segundo establece o convenio de colaboración, a suma aportada polo Concello abonarase en dous prazos, a metade de cada vez, e o segundo farase efectivo despois de que o Club do Mar aporte a xustificación do gasto.