Martes, 21 Agosto de 2018

A Escola de Teatro de Narón leva o sábado a Mugardos a peza "Será por camiños"

/ Mércores, 13/06/2018 - 17:05
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A representación, parte do ciclo “Mugardos é teatro en xuño”, será no Casino Mugardés ás 20.00 horas.

O Casino Mugardés acollerá o vindeiro sábado, día 16, unha nova representación do ciclo “Mugardos é teatro en xuño”. Desta volta será a Escola de Teatro de Narón quen poña en escea a obra “Será por camiños”, unha viaxe no tempo a un lugar non tan alonxado, o camiño a San Andrés de Teixido. A cita será ás 20.00 horas e a entrada será libre para todo o público interesado.

A Escola de Teatro de Narón estreou a obra “Será por camiños”, de José Prieto e Manuel Areoso, en marzo do pasado ano. Nove actores e actrices da prestixiosa escola naronesa, baixo a dirección de Celia González, participan na representación. A acción desenvólvese no século XIII e o mosteiro do Couto é un dos seus escenarios. Alí atópanse unha dama, Reneta de Castro, e un xoglar, que deciden viaxar polo camiño a San Andrés de Teixido fuxindo dun matrimonio de conveniencia.

Segundo lembrou a concelleira de Cultura, Lola González, esta é a cuarta función deste ciclo “Mugardos é teatro en xuño. Para o vindeiro día 30, no Casino Progreso de Franza, será a última representación, a cargo da compañía O Aturuxo de Melpómene.