Domingo, 19 Agosto de 2018

O Concello asina o convenio de colaboración co club Galicia de Mugardos

/ Mércores, 13/06/2018 - 12:19
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, e o presidente da entidade, Domingo Martínez, destacaron a importancia de manter o traballo conxunto para levar á vila novos eventos deportivos.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, e o presidente do Club Galicia de Mugardos, Domingo Martínez, asinaron o convenio a través do cal o Concello contribúe a soster a actividade regular desta arraigada entidade deportiva e impulsa a celebración de diferentes torneos ao longo do ano. Díaz recordou ao fío deste novo acordo que a construción e recente posta en servizo dos novos vestiarios no campo da Pedreira significou un salto para a entidade en canto á súa capacidade de organización de eventos. “Contar con esta infraestrutura permitiu traer a Mugardos a final do Campionato de Seleccións Comarcais de Fútbol Sub15, o pasado 1 de maio, e vai servir para seguir optando a competicións deste tipo, que crean sinerxias con outras entidades e teñen repercusión non so a nivel deportivo senón tamén na hostalería e na promoción turística de Mugardos”.

O convenio deste ano 2018 é de 30000 euros, que o Concello pagará ao Club Galicia en dúas veces, o 50% en breve e o outro 50% unha vez que a entidade presente a xustificación dos gastos. Xunto con torneos xa celebrados, como o primeiro Feminino de Fútbol 11 do pasado 1 de abril ou a sexta edición do de Fútbol 8, a finais de marzo, a colaboración entre a institución municipal e o club deportivo fará posible este ano o XLVII Trofeo Concello de Mugardos, o 15 de agosto, e outro torneo de Fútbol 8 Feminino que posiblemente se desenvolverá no mes de setembro.

A alcaldesa, Pilar Díaz, destacou a importancia de seguir nesta liña de colaboración, dándolle pulo ao deporte de base, apoiando o deporte feminino e traballando para que Mugardos poida acoller eventos de relevancia. Aproveitou tamén para desexarlle éxito na Final de Copa de Afeccionados da Delegación de Ferrol, que se disputará o sábado frente ao Miño, despois de gañar o pasado domingo ao Prados Vellos Numancia de Ares.

O presidente do Club Galicia, Domingo Martínez, manifestou que sen o compromiso do Concello o Club Galicia de Mugardos non podería manter toda a súa actividade. Pese a ser un club pequeno, segundo dixo, hai dez meses de liga con moitos partidos para os máis de douscentos deportistas que xogan nos doce equipos do Galicia, de ahí que a colaboración do Concello sexa moi importante. Tamén destacou as posibilidades que abren os novos vestiarios, que ofrecen condicións moito mellores no día a día e permiten dinamizar a actividade do club, que agora pode xogar en dous campos ao mesmo tempo e pode organizar eventos máis importantes.