Venres, 22 Novembro de 2019

"Mugardos con todos os sentidos", lema do primeiro certame de pintura rápida organizado polo Concello de Mugardos

/ Xoves, 28/06/2018 - 15:25
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Tras o fallo do xurado, o mesmo 19 de xullo, haberá unha exposición con opción de venda das obras presentadas.

Mugardos con todos os sentidos” é o lema do I Concurso de Pintura Rápida “Concello de Mugardos”, organizado coa finalidade de “promocionar o patrimonio local e estimular a creación artística”. Segundo explicou a concelleira de Cultura, Lola González, o certame desenvolverase o día 19 de xullo e ao finalizar o mesmo haberá unha exposición, na que os autores e as autoras poderán poñer á venda tanto as obras realizadas nesa xornada como outras dúas.

Haberá premios en metálico e en material. Na categoría para maiores de 18 anos, o primeiro premio recibirá 1000 euros, mentres que na de menores –de 6 a 18 anos- o primeiro clasificado gañará un maletín de pintura valorado nun máximo de 500 euros. Nambalas dúas categorías o xurado poderá votar tamén dous accésits.

Por último, sen dotación económica, haberá unha mención especial para autores ou autoras locais en cada unha das categorías de maiores ou menores de 18 anos.

A inscrición será de balde e estará aberta do 2 ao 18 de xullo, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas. As pintoras e pintores deberán descargar e cumprimentar o boletín de inscrición que atoparán nesta web e entregala persoalmente na OMIX. Tamén poderán apuntarse o mesmo día do concurso, de 09.00 a 11.00 horas, na mesma OMIX.

O certame desenvolverase de 09.00 a 18.00 horas. Nas dúas primeiras horas os/as participantes deberán pasar pola OMIX para selar o seu soporte, so un por concursante, e na última hora terán que entregalo no punto de control, que estará montado nunha carpa no Parque da Constitución. Cada artista deberá ir provisto do seu cabalete e os materiais necesarios para a realización da obra, para a que a técnica e o estilo será totalmente libre. Terán que plasmar nela, eso si, algún aspecto do paisaxe, as xentes, os costumes ou a vida en Mugardos.

As obras quedarán expostas na carpa do Parque da Constitución, nos seus caballetes, a partir das 18.00 horas e o xurado dará a coñecer o seu fallo ás 19.00 horas. A pintura gañadora, que pasará a ser propiedade do Concello, xunto con todas as premiadas, entrará a formar parte dunha exposición que permanecerá no Local Social de Maiores de Mugardos no mes de xullo. Porén, as que non reciban premio poderán ser postas á venda o mesmo día 19, despois da lectura do fallo, xunto con un máximo doutras dúas obras de cada participante.

 

1128