Mércores, 21 Novembro de 2018

A Comisión de Urbanismo aproba a apertura dun novo prazo de solicitude das axudas do AEE

/ Xoves, 05/07/2018 - 09:41
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa, Pilar Díaz, anima á veciñanza a aproveitar os fondos dispoñibles para efectuar melloras nas súas casas.

A Comisión de Urbanismo aprobou onte a apertura dun novo período de solicitude das axudas para as Áreas de Rexeneración e Renovación Urbana (ARRU) de Mugardos e O Seixo, toda vez que o mes pasado se pechou o segundo prazo e aínda restan 13700 euros para repartir en subvencións. A alcaldesa, Pilar Díaz Otero, recordou que ata o de agora a Oficina de Rehabilitación do Concello tramitou dez proxectos que mobilizarán máis do 73% das axudas dispoñibles e animou á veciñanza a informarse e solicitar estes fondos para mellorar a calidade de vida nas súas vivendas.

De esgotarse os fondos, as ARRU de Mugardos e O Seixo chegarán a mobilizar unha inversión de 133428,57 euros, da cal 115000 euros corresponden ás actuacións de rehabilitación nos cascos históricos e o resto serve para custear a oficina que xestiona o programa. Deste orzamento, o 47,58% é achegado polos propietarios; o 33,28% polo Ministerio de Fomento; o 13,42% pola Xunta a través do IGVS e o 5,72% restante polo Concello de Mugardos.

Os proxectos que se tramitaron nos dous prazos anteriores de solicitude abranguen melloras da eficiencia enerxética, da accesibilidade interior das vivendas, a instalación dalgún ascensor, rehabilitación de fachadas....

Desde o Concello informan de que o novo prazo para solicitar axudas estará aberto durante un mes e que a Oficina de Rehabilitación está aberta os xoves, para facilitar información sobre o programa. A data límite para xustificar os investimentos prolongouse ata o 31 de decembro de 2019.