Luns, 24 Setembro de 2018

Convenio de colaboración coa Asociación Cultural Apelón

/ Xoves, 05/07/2018 - 17:46
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Asociación Cultural Apelón, en virtud do cal a institución municipal subvencionará con 1500 euros a organización de diferentes actividades por parte da entidade ao longo deste ano 2018. 

Pola parte da asociación, asinou o convenio a súa presidenta, Gabriela Sánchez Cortizas, nun acto no que tamén estiveron presentes a concelleira de Cultura, Lola González, e o tesoreiro da entidade, Juan Fernández Amenedo.

A Asociación Apelón traballa intensamente na dinamización da vida cultural na vila. Ao longo do ano organiza diferentes roteiros, conferencias, debates, presentacións de libros, recitais de poesía, contacontos, etc, enfocados ao mellor coñecemento do patrimonio natural, histórico e artístico local e galego. Así, a entidade colabora co Concello na organización da celebración dos Maios e o Día de Rosalía, e hai poucos meses que presentou a súa propia revista, con estudos de historia local inéditos ata o momento.

Gabriela Sánchez Cortizas destacou que o convenio co Concello supón unha axuda importante para manter as actividades da entidade e subliñou que Apelón conta con socios e socias moi implicados, que traballan e se implican persoalmente na organización das diferentes propostas, de maneira que os fondos se invisten integramente en cartelería, publicidade básica e realización doutros materiais de apoio.

Pilar Díaz Otero sinalou que este é un novo acordo dirixido a impulsar e fomentar o tecido asociativo de Mugardos, tradicionalmente numeroso e vivo na vila, garantindo a maior diversidade de propostas e actividades para a cidadanía. 

1136