Domingo, 23 Setembro de 2018

Nove escolas de baile da contorna participan esta fin de semana no II Festival Mudanzas

/ Xoves, 05/07/2018 - 17:22
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As clases de danza de diferentes estilos sucederanse de venres a domingo e o Cantón de Cora acollerá espectáculos abertos ao público.

Finalmente serán nove escolas as que participen a partir deste venres na segunda edición do festival MuDanzas, unha iniciativa promovida pola Concellería de Cultura en colaboración co club local Móvete para facer de Mugardos un lugar de encontro para todos os estilos de danza, no que convivirán os cursos de formación e os espectáculos de rúa. O hip-hop, a salsa e a bachata son as modalidades que máis interese espertaron, cada unha delas con máis de vinte inscritos, aínda que tamén haberá ballet clásico e contemporáneo, sevillanas, baile galego, zumba, danza coreográfica e lírico.

Segundo informou Jesús Marcos Doval, coa incorporación do Gimnasio Fitness Fene, o número de alumnos e alumnas chegan so 125, desde os 4 aos 60 anos. Xunto co citado centro e o club Móvete de Mugardos, participan Camino del Rocío, Ladies Mugardos, a escola de Suso Pérez Lago, as naronesas CBD e All Dance Studio, a fenesa de Boris Pico e Gym Xiros das Pontes.

A concelleira de Cultura, Lola González, recordou que ademais das clases o II Festival MuDanzas farase sentir na vila con espectáculos de rúa abertos a todo o público. O escenario que se instalará para a ocasión no Cantón de Cora acollerá o sábado, ás 19.30 horas, a montaxe “Mukuki” da compañía valenciana EnAmbar, unha proposta na que as cores e o movemento son protagonistas. O domingo ás 13.00 horas actuará no mesmo lugar o Conservatorio Profesional Presto Vivace da Coruña. E ao longo da fin de semana, os bailaríns e bailarinas que asistan ás diferentes masterclass subirán tamén ao escenario para amosar o aprendido en diferentes coreografías.

As clases están programadas tanto no Casino Mugardés como na escola das Lagoas, desde o venres pola tarde ata o domingo. Ao redor de trinta nenos e nenas aproveitarán o ofrecemento do Concello de Mugardos e quedarán de “acampada” no pavillón municipal do Cristo.