Domingo, 23 Setembro de 2018

O Concello de Mugardos da novos pasos cara a adquisición de terreos na contorna do Zárate

/ Xoves, 05/07/2018 - 17:54
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Ábrese un procedemento negociado e estase a xestionar a compra directa de tres parcelas co Ministerio de Economía y Hacienda.

A Xunta de Goberno Local vén de abrir un novo procedemento para a adquisición de terreos sen uso na contorna do Cine Zárate, despois de que o anterior concurso quedara deserto. A alcaldesa, Pilar Díaz, ligou este concurso ás xestións, que xa ten iniciado, para comprar directamente tres parcelas que son propiedade do Ministerio de Economía y Hacienda, na mesma zona, e ás obras do Cine Zárate, que comezaron hai poucos días. Todas son iniciativas, dixo, “dirixidasa crear unha gran praza, con espazos para o lecer e a convivencia, chamada a se converter no gran espazo público de Mugardos, núcleo da rexeneración do seu casco histórico”.

Así, por unha banda convócase o procedemento para a adquisición de leiras en mans de particulares, sempre no ámbito do solo urbán non consolidado da área P-4 (SUNC-P-4). Desta volta o procedemento será negociado, aínda que as condicións serán as mesmas que antes. A mesa de contratación terá en conta o prezo –cun máximo de 52,73 euros por metro cadrado- e a situación e os propietarios teñen dous meses para presentar as súas ofertas.

Por outra banda, existen na mesma zona tres parcelas que suman 660 metros cadrados e que por falta de herdeiros reverteron no seu día no Ministerio de Economía y Hacienda. Neste caso, e posto que entre administracións cabe a posibilidade de facer unha compra directa, o Concello xa transmitiu por escrito o seu interese por adquirir os terreos e está á espera de manter unha reunión co servizo de Patrimonio do Ministerio para tratar o asunto. Trátase de leiras que tamén están no ámbito do P-4, colindantes con parcelas que xa son de titularidade municipal.

Díaz Otero puxo estas operacións en relación coas obras no Cine Zárate, subliñando que estanse a dar os pasos necesarios para levar adiante un ambicioso proxecto de rexeneración no miolo do casco urbano de Mugardos, no que se prevé crear un gran espazo público para a cidadanía.