Mércores, 21 Novembro de 2018

O concello habilita amplias zonas para aparcamento durante a XXVIII Festa do Polbo do vindeiro sábado

/ Martes, 10/07/2018 - 08:55
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Os tíckets para a degustación pódense mercar de forma anticipada no consistorio.

O Concello de Mugardos ten desde hoxe á venda os tíckets para a XXVIII Festa do Polbo, que se celebrará o vindeiro sábado. As persoas interesadas poden mercalos nas oficinas de Recadación e evitarse a cola o mesmo día da degustación, pasando directamente a recoller as racións. A alcaldesa, Pilar Díaz, lembrou que se van preparar 1.500 quilos de polbo segundo a tradicional receita “á mugardesa” e que as racións, pese a suba do cefalópodo, vanse manter a dez euros.
 
Ademais do polbo á mugardesa, a dez euros, tamén haberá empanada de polbo, a dous euros, e as racións serviranse acompañadas de viño e pan, nun plato e unha taza de cerámica de Buño, conmemorativas da celebración. O día da Festa do Polbo abriranse tres billeteiras para a venda de tíckets ás doce do mediodía, xunto á carpa da degustación. Á unha da tarde comezarán a repartirse as racións.
 
Estacionamentos
 
Coa finalidade de facilitar ao máximo a afluencia de xente no día da Festa do Polbo, o Concello desbrozou e
limpiou xa varias parcelas que estarán habilitadas para estacionar. Trátase de tres terreos de gran tamaño
situados nas proximidades das Casas Baratas.
 
Tamén está previsto que os visitantes poidan deixar estacionados os seus coches no amplío aparcamento que hai nas proximidades de Forestal do Atlántico. Desde alí, cada cinco minutos haberá un autobús gratuíto para achegarse ao centro de Mugardos. O vehículo estará facendo traxectos de ida e volta continuamente
desde as 11.30 horas ata as 20.00 horas.
 
Desde o Concello lémbrase tamén que se pode utilizar a lancha para achegarse á festa. Haberá servizos desde Ferrol cada hora, de 10.00 a 22.00 horas.