Mércores, 21 Novembro de 2018

O concello recibe a autorización para realizar as obras na escola infantil do Seixo

/ Mércores, 11/07/2018 - 10:05
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Hoxe remata o prazo de presentación de ofertas e a intención é que a actuación comece de inmediato para rematar antes do comezo do vindeiro curso.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, informou que o Concello vén de recibir a autorización da Consellería de Educación para poder executar o proxecto de reforma da Escola Infantil do Seixo durante o verán. A rexedora local explicou que xa se están a licitar as obras -mañá remata o prazo de presentación de ofertas- e que a administración local ten tamén o permiso do Consello Escolar co CEIP Santiago Apóstolo, ao que está adscrita a escola, de maneira que as obras poderán comezar en breve e estar listas ao comezo do vindeiro curso. Hai previstas oito matrículas no centro, de maneira que está garantida a continuidade da escola.
 
A Escola Infantil do Seixo sufriu en xaneiro pasado a derruba dun pedazo do falso teito, que deixou á vista os danos que sufrían as vigas de madeira por acción de insectos xilófagos e que, segundo o informe que despois elaborou a arquitecta técnica do Concello, comprometían a estrutura do inmoble. Ante a negativa da Consellería de Educación a facerse cargo da reparación do edificio -que lle corresponde, ao ser un problema estrutural-, finalmente o Concello de Mugardos asumiu o problema e fixo a necesaria reserva de crédito para acometer o arranxo con fondos propios.
 
O custo das obras ascende a 47.732,69 euros. Ademais da eliminación e substitución dos elementos de madeira que están danados polo caruncho, a intervención permitirá mellorar a accesibilidade ao edificio e a súa eficiencia enerxética, cunha nova calefacción e luces tipo led. A escola é un edificio de planta baixa, con 433 metros cadrados de superficie contruída e situada nunha parcela de 1.090 metros cadrados.