Martes, 20 Novembro de 2018

Comezan as visitas ao Castelo da Palma

/ Xoves, 12/07/2018 - 08:53
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
O goberno local conta xa con lista de espera para os primeiros grupos, este venres, e abre a inscrición para as visitas das vindeiras semanas, ata mediados de setembro.
A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, informa de que os propietarios do Castelo da Palma van abrir as súas portas ao público como establece a Lei de Patrimonio e que desde o Concello aportarase “un valor engadido” a este feito organizando visitas polo interior da fortaleza nos que as persoas interesadas recibirán información detallada sobre a historia desta emblemática fortificación e tamén sobre o conxunto de Mugardos, o seu Centro de Interpretación de Caldoval, a súa gastronomía e outros valores.
 
Así, as visitas que organiza o Concello desenvolveranse os mércores, xoves, venres e sábado, ás 11.00, 12.00 e 13.00 horas. En cada un dos tres percorridos poderán participar un máximo de vinte persoas e o programa manterase durante o que resta de xullo, todo o mes de agosto e primeira quincena de setembro.
 
Así, o programa comeza este mesmo venres, día 13, quitando o sábado, día da Festa do Polbo, xornada na que o Concello non programará ditas visitas Para as tres primeiras deste venres xa está o cupo cheo, dado que nas últimas semanas se foron apuntando nunha lista de espera as persoas que se interesaron polo programa, pero as persoas que o desexen poden inscribirse de balde para as seguintes.
 
Para apuntarse nas próximas visitas é preciso chamar á Oficina de Turismo de Mugardos, aos números de teléfono 881 953 251 ou 630 885 761 ou ben enviar un correo electrónico á dirección oit.mugardos@gmail.com