Martes, 21 Agosto de 2018

Avanza a recuperación da Fonte dos Catro Canos

/ Xoves, 02/08/2018 - 10:33
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A actuación forma parte do proxecto de consolidación do antigo Cine Zárate.
No marco do proxecto de consolidación do antigo Cine Zárate, avanza tamén a recuperación da vella Fonte dos Catro Canos, situada na traseira do edificio. É unha fonte que data de 1880 e que nunca deixou de botar abundante auga, aínda que sufriu sucesivas reformas, a primeira en 1952, que taparon a pedra da súa fachada. Segundo destacou a alcaldesa, Pilar Díaz, a actuación vai servir para devolverlle o seu aspecto orixinal, sacando á vista a pedra que quedou tapada, e tamén para cambiar o pavimento da pequena praza na que está situada, actualmente moi degradado.
 
A empresa Ogando ocúpase de executar o proxecto de consolidación do antigo Cine Zárate, por un presuposto de 110.000 euros de fondos municipais. A actuación contempla tamén a eliminación de elementos non protexidos do propio cine e do seu arredor, como é o caso dos “quioscos” situados a carón do edificio, que xa foron demolidos. Alí vaise construír un muro corrido a modo de baranda, deixando esta zona e a parte de atrás, onde está a Fonte dos Catro Canos, en mellores condicións para o seu uso pola cidadanía. As obras feitas ata o de agora xa sacaron á vista o muro orixinal de pedra na praciña da fonte.
 
É unha obra que forma parte dun programa máis ambicioso do actual goberno municipal e que pasa por adquirir algunhas parcelas que aínda non forman parte do patrimonio municipal, en toda a zona posterior do Zárate e o propio Concello, para habilitar un espazo público de convivencia e participación. Así, por unha banda o goberno local está a xestionar a compra de tres parcelas que pertencen ao Ministerio de Economía e Facenda, e por outra abriu un procedemento negociado para mercar outras fincas en mans de particulares.
 
Por outra banda, a comisión informativa de Urbanismo do Concello de Mugardos aprobou onte por unanimidade a proposta do goberno local para a redacción do proxecto “Recuperación da servidume de tránsito na enseada do Baño”, do que informamos o pasado martes.