Venres, 19 Outubro de 2018

Satisfacción pola intención da Xunta de ofertar a Cámara Agraria no prezo taxado polo Concello

/ Luns, 06/08/2018 - 11:27
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A Consellería de Facenda está a tramitar a convocatoria dunha nova poxa pública na que o prezo mínimo da primeira poxa será de 38.895,62 euros.

A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero, informou de que a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia vén de confirmarlle que está a traballar na convocatoria dunha nova poxa para a venda do edificio da antiga Cámara Agraria, desta volta polo prezo no que o taxou o Concello e que está disposto a pagar. Así, a administración autonómica está a tramitar o expediente para que o inmoble saia a poxa pública por un importe mínimo de 38.895,62 euros, que é a cantidade reservada polo Concello de Mugardos nos seus orzamentos, a través da última módificación de créditos, para poder facerse coa súa propiedade. Díaz Otero expresou a súa satisfacción porque finalmente o prezo está moi lonxe dos máis de 80000 euros que se establecía como poxa mínima no anterior procedemento, e se “abra a porta a que o Concello poida facerse coa propiedade”.

No contacto establecido, a alcaldesa transmitiulle á Consellería de Facenda a importancia de que os trámites se resolvan antes de que remate o presente ano, dado que está habilitada no orzamento municipal a partida necesaria e esta decaería ao cambiar de exercicio.

Foi en abril deste ano cando se celebrou a anterior poxa xudicial da Cámara Agraria, que quedou deserta tanto na primeira volta como nas dúas seguintes, nas que se licitou a un tipo de 68600 euros e 56500 euros. A corporación municipal de Mugardos acordara xa que a cantidade de 38895,62 euros sería o máximo que pagaría polo inmoble, toda vez que un informe da secretaría e a intervención indicaba que, de investir máis, podería incurrirse nunha prevaricación. Despois de resultar deserta a poxa, a Consellería de Facenda ofreceu a propiedade ao Concello por 56500 euros, unha cantidade que tamén se afastaba moito do establecido.

Antes de chegar á situación actual, na que Facenda está a tramitar unha nova poxa, o Concello tamén transmitira á Consellería a posibilidade de facer unha venda directa ao Concello.