Martes, 21 Agosto de 2018

The Funkless e Batuko Tabanka, citas coa música en Mugardos esta fin de semana

/ Mércores, 08/08/2018 - 14:55
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/es
A formación tributo a The Beatles actuará o venres e o conxunto de mulleres caboverdianas farano o domingo.

O programa “Agosto de lecer” trae de novo este venres a Mugardos un concerto que de seguro atraerá a un público diverso e de todas as idades. Despois do rotundo éxito da cita con “La Edad de Oro del Pop Español”, tócalle o turno á banda compostelá “The Funkless”, unha formación tributo a The Beatles que xa se labrou un nome pola súa orixinalidade e calidade. O grupo interpreta as cancións de Lennon e compañía pasándoas por un filtro de funk e soul que ten engaiolado xa por dous anos consecutivos ao público da Beatle Week de Liverpool. A concelleira de Cultura, Lola González, invitou a toda a cidadanía de Mugardos e da contorna a acudir e gozar deste concerto, que será ás 22.30 horas baixo unha carpa no Cantón de Cora.

Dous días despois, o domingo día 12, Mugardos recibirá ao grupo Batuko Tabanka. É unha formación integrada por mulleres de Cabo Verde afincadas na Mariña lucense, que está de xira polos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. A súa proposta quere promover a interculturalidade e a inclusión, a través de temas que falan da emigración, a identidade ou a situación da muller. Ao comezo da actuación haberá unha breve charla introdutoria. A cita será ás 20.00 horas baixo a mesma carpa instalada no Cantón de Cora.

Por outra banda, a inscrición na Xuntanza de Maiores que se vai celebrar este sábado, día 11 de agosto, no Cantón de Cora, pechouse con 200 persoas. A cita será a partir das 18.30 horas.