Venres, 19 Outubro de 2018

O Centro de Interpretación do Caldoval organiza unha "Noite de Estrelas"

/ Mércores, 08/08/2018 - 14:37
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello vén de asinar o contrato para a xestión do museo os vindeiros dous anos, cun anovado programa de actividades.

O Concello de Mugardos vén de asinar o contrato para a xestión do Centro de Interpretación de Caldoval. Tras a correspondente licitación, a empresa Trivium, que xa se ocupou deste servizo desde a súa inauguración en setembro do pasado ano, vai continuar desenvolvendo unha estratexia de xestión centrada na participación, a través de visitas guiadas, obradoiros, xornadas e actividades, con especial atención ás familias e aos grupos escolares.

A concelleira de Cultura, Lola González, destacou que Caldoval é un dos recursos máis singulares do noroeste peninsular, o único xacemento dos baños e a palestra dunha vila romana, e que xa no seu primeiro ano de funcionamento superou as expectativas de afluencia de público. Nesta nova etapa, explicou, vaise anovar o programa de propostas, pensado para coñecer o pasado romano de Mugardos e a súa contorna dun xeito lúdico.

Entre as actividades que propón o Centro de Interpretación nesta nova etapa está a primeira “Noite de estrelas en Caldoval”, unha cita coa observación astronómica para o vindeiro 18 de agosto. O biólogo, paisaxista e experto en astronomía cultural Antón Bouzas dirixirá a sesión, aberta a todos os públicos, a partir das 22.00 horas. Nela falarase da importancia dos astros na cultura grecolatina.

  1. As persoas interesadas poden inscribirse, de balde, chamando ao número 687 072 116 ou enviando un mail á dirección info@museocaldoval.gal. Hai un máximo de 50 prazas.

1152

Durante os meses de agosto e setembro, o museo de Caldoval amplía o seu horario habitual e pódese visitar de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, de martes a domingo. A entrada é de balde. Para as visitas guiadas é preciso reservar praza chamando ao 687 072 116.

Xestión

O contrato, por dúas anualidades, adxudicouse por 126000 euros (IVE incluído). A empresa Trivium vaise ocupar en dito período de dinamizar o Centro de Interpretación de Caldoval coa organización de visitas guiadas e obradoiros familiares, tódolos sábados e domingos, así como de grupos escolares, aos que tamén se lles prestará especial atención nesta nova etapa. Ademais, os xestores organizarán unhas xornadas técnicas sobre o mundo romano, contribuíndo a subliñar a importancia de Caldoval no eido dos estudos históricos e patrimoniais.

Así mesmo, ampliarase o catálogo de obradoiros do Centro de Interpretación de Caldoval para familias e escolares. Segundo a idade dos grupos, desenvólvense xa as actividades “Pintores de Roma”, “Artistas dos mosaicos”, “Ludi romani” e “O perfume do César”, ás que se sumarán outros dous talleres de “Xoiería romana” e “A cociña de Apicio”, entre outras novidades.

Durante o pasado mes de xullo, Caldoval recibiu a 661 visitantes, máis da metade de fóra de Ferrolterra.