Venres, 19 Outubro de 2018

A Xunta de Goberno Local aprobou proxectos para a mellora de vias por valor de preto de 132000 euros

/ Xoves, 09/08/2018 - 11:55
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As obras afectarán á vía de Boado, no Seixo, e aos accesos do cemiterio de San Xiao e do IES de Mugardos, e acometeranse con fondos municipais.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar os proxectos para mellorar os camiños municipais de Boado, o acceso ao IES de Mugardos e o que vai do Cristo ao cemiterio, que foron elaborados xa a comezos de ano. As tres actuacións suman un investimento próximo aos 132000 euros e, como recordou a alcaldesa, Pilar Díaz, van ser acometidos integramente con presuposto municipal. En todos os casos, son estradas con certo tránsito de vehículos e un grao de deterioro considerable, que o Concello vai poñer ao día para facilitar a circulación e incrementar a seguridade viaria.

O proxecto do camiño de Boado ten un orzamento de 78163,87 euros (IVE incluído). Trátase dunha vía con catro tramos diferenciados, situado na contorna do casco histórico do Seixo, que suman en total preto dun quilómetro e medio. En todos eles a actuación consistirá na limpeza das gabias, o recheo dos foxos e a aplicación dunha nova capa de rodadura de mestura bituminosa en quente, estendida e compactada. A vía ten dous carrís nalgúns dos seus tramos, porén noutros o ancho non é suficiente. As obras, nestes casos, consistirán tamén na pavimentación dos sobreanchos para aproveitar todo o espazo e facilitar a circulación.

Pola súa banda, o proxecto para a mellora dos camiños do cemiterio e a igrexa parroquial de San Xiao e o acceso ao IES ten un orzamento de 53810,35 euros (IVE incluído). A actuación será similar á anterior, coa limpeza das gabias, o recheo de foxos e a aplicación dunha nova capa de rodadura.

O Concello xa conta coa autorización de Patrimonio para as obras no camiño do cemiterio, mentres que o de Boado conta cos da Xunta e Deputación e está pendente de recibir o de Augas de Galicia, despois de pecharse o prazo de exposición pública sen alegacións.