Venres, 19 Outubro de 2018

Descobren unha rampla de pedra no peirao do Baño que permanecía oculta dende hai décadas

/ Venres, 10/08/2018 - 09:58
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A posta en valor deste elemento do patrimonio marítimo encaixa co proxecto dunha senda peonil desde A Bestarruza.

A realización duns traballos de mantemento e conservación por parte do Concello de Mugardos na ribeira do Baño traduciuse hai poucos días no descubrimento dunha vella rampla de pedra que os veciños e veciñas do lugar perderan de vista hai xa máis de sesenta anos. Segundo explicou a alcaldesa, Pilar Díaz Otero, a area, algas e residuos acumuláranse no lugar durante anos tapando por completo a antiga estrutura, empregada no seu día para levar barcos e mercancías desde o mar á terra.

Pilar Díaz subliñou que o descubrimento desta rampla encaixa perfectamente co proxecto do goberno local de impulsar a recuperación para o tránsito peonil de toda a liña litoral desde a praia da Bestarruza ata a enseada do Baño. “Trátase de rexenerar todo o percorrido costeiro e  apostar pola posta a disposición da cidadanía dunha zona cun alto valor paisaxístico e con elementos construtivos como este peirao que enriquecen o conxunto”, explicou a alcaldesa.

1157

O achado foi comunicado xa á Demarcación de Costas, organismo estatal que conta cos fondos e as competencias para realizar a senda peonil da Bestarruza ao Baño. Tal como se informou hai poucos días, a comisión informativa de Urbanismo do Concello de Mugardos aprobou por unanimidade a proposta do goberno local para redactar o proxecto.