Martes, 15 Outubro de 2019

Unha das canchas de xogo do Caldoval levará o nome de Belén Toimil

/ Luns, 20/08/2018 - 09:49
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O museo organiza para o día 25 unha xornada de “Xogos romanos en familia” na que tamén se inaugurará unha cancha de xogos que levará o nome de Belén Toimil.

O deporte, o lecer e o xogo é o tema central das visitas ao Centro de Interpretación de Caldoval, precisamente porque o valor do xacemento romano que alí se conserva é seren os únicos baños con ximnasio atopados en Galicia. As actividades propostas adoitan tratar sobre como os romanos coidaban a súa hixiene e saúde, facían exercicio e xogaban. Así, para o vindeiro día 25 está prevista a celebración dunha xornada de “Xogos romanos en familia” na que tamén se vai inaugurar unha cancha de xogos no exterior do museo que levará o nome de Belén Toimil, a deportista máis destacada da vila.

A concelleira de Cultura, Lola González, comentou o éxito que está a ter o Centro de Interpretación de Caldoval e a boa resposta que atopan as súas propostas. Desde setembro pasado, cando se inaugurou o museo, ata rematar o mes de xullo tiñan visitado o centro 5846 persoas e unha das últimas actividades programadas, a “Noite de estrelas” que se celebrou o sábado, colgou o cartel de completo.

A nova cancha de xogos romanos que funcionará no exterior do museo para o desenvolvemento de actividades vai render homenaxe á deportista máis internacional de Mugardos. Trátase da lanzadora de peso Belén Toimil, posuidora da mellor marca galega de todos os tempos de lanzamento de peso, con 17,38 metros e a primeira mugardesa en participar no Campionato do Mundo de Atletismo en Londres 2017. Lola González informou de que está previsto que asista o día 25 á inauguración deste espazo deportivo, no que haberá ocasión de divulgar, a través de diferentes actividades, a historia de deportes como o seu, do que xa hai referencias na antiga Grecia.

A xornada de “Xogos romanos en familia” será unha actividade gratuíta e con plazas limitadas. As familias interesadas poden inscribirse previamente chamando ao 687 072 116 ou enviando un correo electrónico a info@museocaldoval.gal. Haberá xogos de 12.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 20.00 horas.

Durante agosto e setembro, o museo funciona con horario ampliado, de 10.30 a 14.00 e de 16.30 a 20.00 horas, de martes a domingo. A entrada é de balde.