Martes, 20 Novembro de 2018

Aprobado o proxecto de humanización da rúa María por un orzamento de máis de 123000 euros

/ Luns, 27/08/2018 - 07:27
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

As obras serán asumidas con fondos municipais, despois de que a Consellería de Medio Ambiente esgotase a liña de axudas solicitada.

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar o proxecto de “Humanización da rúa María”, valorado en 123295,76 euros, para a renovación de pavimento e a ampliación da rede de recollida de augas pluviais, agora inexistente nun tramo da vía. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz, explicou que o goberno solicitou unha axuda á Consellería de Medio Ambiente de 98636 euros, que viría cubrir o 80% do investimento, pero que finalmente as obras serán asumidas integramente con fondos municipais porque a nomeada liña de axudas, dotada con máis de catro millóns de euros, quedou esgotada por vía telemática en doce minutos desde a apertura do prazo.

A intervención na rúa María vai dirixida a mellorar a seguridade, a accesibilidade e a calidade da vía, que actualmente ten moitas das súas laxas levantadas e presenta parches de formigón. O proxecto aprobado pola Xunta de Goberno abrangue o levantamento do pavimento e a colocación doutro novo, así como a instalación da rede de recollida de pluviais nos últimos 93 metros de rúa. A intervención permitirá diferenciar debidamente o carril de tránsito de vehículos e os espazos para os peóns e a prohibición do estacionamento salvo nas zonas habilitadas.