Luns, 24 Setembro de 2018

Os comedores escolares dos colexios públicos de Mugardos recibiron 73 solicitudes para o vindeiro curso

/ Luns, 03/09/2018 - 09:27
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Nos vindeiros días publicarase a lista definitiva de beneficiarios nos servizos de xantar e almorzo nos CEIP Unión Mugardesa e Santiago Apóstolo.

O Concello de Mugardos vén de publicar nesta web a listaxe provisional de admitidos nos servizos de xantar e almorzo dos comedores escolares dos colexios públicos Unión Mugardesa e Santiago Apóstolo. Segundo explicou a concelleira de Educación, Lola González, hai 73 nenos e nenas que van empregar os servizos, abondo para manter os xantares en ámbolos dous colexios e tamén os almorzos. “É un número que confirma unha vez máis a necesidade destas prestacións, esenciais para garantir a conciliación da vida familiar e laboral”, comentou a edil.

O CEIP Santiago Apóstolo estreou comedor escolar en decembro de 2017 e pouco despois púxose alí tamén en marcha o servizo de almorzos. Tanto ao comedor do CEIP Unión Mugardesa como ao do colexio de Franza acuden tamén alumnos e alumnas do IES Mugardos.

Nos vindeiros días o Concello publicará a lista definitiva.