Mércores, 19 Decembro de 2018

Remataron a tempo as obras de reforma da Escola Infantil do Seixo

/ Mércores, 05/09/2018 - 13:18
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
A actuación do Concello, que investiu 47732,69 euros de fondos municipais, permite manter o centro aberto.

O Concello de Mugardos informa de que xa están rematadas as obras de reforma da Escola Infantil do Seixo, polo que o curso poderá comezar con normalidade para os oito nenos e nenas que teñen feito alí a matrícula. Desde a administración local remitíronse senllas comunicacións ao xefe territorial de Educación na Coruña, Indalecio Cabana, así como a directora do CEIP Santiago Apóstolo, Paula Peinado, dándolles traslado do arranxo dos problemas que en xaneiro pasado motivaron o desprazamento do alumnado ao colexio de Franza, ao que está adscrito o centro.

A empresa Ogando executou os traballos cun orzamento de 47732,69 euros, integramente de fondos municipais. Como se informou no seu momento, a escola do Seixo sufríu a caída do falso teito en xaneiro de 2018 como consecuencia do deterioro das vigas de madeira por efecto do ataque do caruncho. O goberno municipal trasladou daquela á Consellería de Educación o informe técnico, segundo o cal tratábase dunha eiva estrutural. Porén, ao negarse a administración autonómica a arranxar os danos, o Concello asumiu a obra que permitirá manter a escola aberta para as familias con crianzas no Seixo.

Ademáis da substitución das vigas deterioradas e a reposición do falso teito, as obras incluíron melloras na accesibilidade ao colexio e unha substancial mellora na súa eficiencia enerxética, xa que se colocaron luces led e un novo sistema de calefacción axeitado para as aulas do alumnado de curta idade.

Peches pistas deportivas

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local vén de adxudicar á empresa IDG (Instalacións Deportivas Galegas) a obra de reposición dos peches das pistas deportivas dos colexios públicos Unión Mugardesa e Santiago Apóstolo de Franza, así como da que hai nas Casas Baratas. A actuación saiu a licitación cun orzamento de 6000 euros e foi adxudicada por 5400 euros.

Esta obra permitirá repoñer as partes danadas dos peches das pistas, na maioría dos casos por accións vandálicas. A obra comeza hoxe mesmo, coa finalidade de que os arranxos nos colexios estean listos para o inicio das clases.