Luns, 24 Setembro de 2018

Clube de amigos/as de Caldoval

/ Xoves, 06/09/2018 - 12:46
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O 9 de setembro de 2018, a poucos días do inicio do curso escolar, o Centro de Interpretación do Xacemento Romano de Caldoval (Mugardos) cumpre o seu primeiro ano de apertura. 

O concello de Mugardos quere agradecer aos 7.000 visitantes en 12 meses o seu interese pola cultura romana e a súa participación activa nas diferentes actividades organizadas polo centro.

Para celebrar esta efeméride créase o Clube de amigos/as de Caldoval, un selecto grupo ao que poderán pertencer todos os nenos e nenas que visiten o centro a partir do domingo. Nel recibirán un carné e pasarán a formar parte da gran familia de Caldoval. O carné ademais dará dereito a aqueles que o soliciten, sempre con autorización dos pais ou nais, a recibir información puntual sobre as actividades que se van a desenvolver no Centro de Interpretación de cara ao futuro.

Durante o presente ano Caldoval vense consolidando como un dos centros culturais de referencia en Ferrolterra. Ata agora realizáronse 203 visitas guiadas, 107 obradoiros didácticos, recibíronse 1338 escolares e 655 persoas en grupos organizados. Un total de 4.538 persoas visitaron o CIC entre o 1 de xaneiro e o 31 de agosto. Ademais dende a inauguración desenvolvéronse numerosas actividades como a Primeira Xornada sobre Mugardos Romana, a busca do tesouro, unha observación de estrelas, unha Xornada de Xogos Romanos en Familia ou a recente inauguración da cancha de xogos romanos pola campioa Belén Toimil.

Nos próximos días Caldoval anunciará a súa nova programación didáctica para o curso escolar 2018-2019.