Martes, 20 Novembro de 2018

Adxudicadas as obras de adecuación do Centro Sociocultural "Casas Baratas"

/ Venres, 07/09/2018 - 13:32
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O Concello inviste uns 30600 euros na mellora deste espazo, empregado de xeito regular polas asociacións do municipio para o desenvolvemento das súas actividades.

A Xunta de Goberno Local vén de adxudicar, por un orzamento duns 30600 euros integramente procedente de fondos municipais, a obra de adecuación do Centro Sociocultural “Casas Baratas”. A empresa Siber Ordes encargarase dos traballos, que servirán para poñer ao día un centro que empregan de xeito regular varias asociacións do municipio e que serve tamén para a celebración de diferentes actos culturais ao longo do ano.

O Centro Sociocultural “Casas Baratas” ocupa unha antiga vivenda dos anos 40. Ten dúas plantas, de 50 metros cadrados de superficie cada unha, e un patio traseiro de 110 metros cadrados.

As obras a realizar consistirán na reparación e pintado da fachada posterior e tamén no arranxo da pintura interior, danada polas humidades. Instalarase así mesmo unha malla metálica cor verde no peche perimetral do patio, coa finalidade de mellorar a seguridade e evitar o risco de caídas, instalarase un novo pavimento e colocarase, igualmente no patio, un revestimento con madeira, a modo de banco, no resalto existente.

No interior mellorarase a accesibilidade coa incorporación dunha plataforma salvaescaleiras.