Domingo, 23 Setembro de 2018

O Concello investirá 80000 euros na renovación e mellora do parque de xogos do Peteiro

/ Venres, 07/09/2018 - 11:39
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

A Xunta de Goberno de Mugardos vén de adxudicar a redacción do proxecto de renovación e mellora do parque de xogos do Peteiro.

É unha intervención ambiciosa, para a que hai consignados 80000 euros de fondos municipais, dirixida a reformar substancialmente este espazo de lecer, moi frecuentado polas familias, e adecualo para o o seu maior aproveitamento no uso cotiá.

A reforma incluirá a instalación de elementos de exercicio biosaudables. Haberá tamén, na zona de xogos para nenos e nenas, dúas áreas diferenciadas de cero a catro e de catro a dez anos, con novos elementos axeitados ás diferentes idades. Renovaranse os pavimentos e os peches de seguridade, así como a iluminación.

Trasladarase de lugar a canastra de baloncesto xa existente e colocarase unha rede parabalóns para que esta actividade non interfira nas outras zonas de xogo. E adecuarase unha pequena praza con bancos para as persoas que acompañan aos pequenos e pequenas mentres xogan.

Todo o recinto cumprirá coa normativa vixente e o seu deseño terá como temática o mar, dacordo coa tradición mariñeira da vila de Mugardos.