Luns, 24 Setembro de 2018

O Concello de Mugardos aproba os convenios de colaboración coas ANPAS dos colexios e o instituto

/ Martes, 11/09/2018 - 12:15
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/
Por segundo ano asinaranse estes convenios, que lle dan estabilidade e apoio ás actividades organizadas polas asociacións de pais e nais.

A Xunta de Goberno vén de aprobar os convenios de colaboración do Concello de Mugardos coas asociacións de nais e pais de alumnos dos colexios Santiago Apóstolo de Franza e Unión Mugardesa, así como do IES Mugardos. Está pendente tamén, a falta de que presenten a documentación precisa, o mesmo convenio coa ANPA do colexio concertado Loyola.

Así, as ANPAs “O Pazo” do CEIP Santiago Apóstolo e “Catro Camiños” do Unión Mugardesa recibirán cada unha 900 euros de fondos municipais para sufragar actividades culturais e deportivas nas que se promocionen a igualdade e a cooperación, sempre abertas a todo o alumnado dos centros. A mesma cantidade irá destinada á ANPA do colexio concertado Loyola. A ANPA “O Castro”, do instituto, recibirá unha subvención de 1000 euros.

A concelleira de Educación, Lola González, subliña que o pasado ano foi o primeiro no que se asinaron estes convenios, que achegan ademais de recursos, estabilidade para que estas entidades promovan as súas actividades. A edil destacou a súa importancia para a conciliación da vida familiar e laboral.