Martes, 16 Outubro de 2018

Está aberto, ata o día 19 de outubro, o prazo de presentación de obras ao concurso Bello Piñeiro

/ Luns, 01/10/2018 - 14:31
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O certame, un dos máis senlleiros de Galicia, chega á súa XXVIII edición.

O Concello de Mugardos abriu hoxe o prazo de admisión de obras para o XXVIII Concurso de Pintura Bello Piñeiro, que por primeira vez se celebra separadamente do Piñeiro Pose coa intención de darlles, a cada un deles, maior protagonismo. A concelleira de Cultura, Lola González, animou unha vez máis ás e aos artistas de máis de 18 anos a participar no certame e lembrou que a data límite de entrega é o 19 de outubro. A edil subliñou que se trata dun dos concursos de pintura máis senlleiros de Galicia, polo que teñen pasado nomes moi recoñecidos no mundo da arte.
 
As obras terán un tamaño máximo de 150x150 centímetros, a técnica libre e o tema é “A nosa terra”, a súa paisaxe, contorna e tradición. Para participar hai que ter cumpridos 18 anos no momento da inscrición e cada persoa pode presentar unha única obra orixinal, non premiada con anterioridade en ningún outro certame.
 
Haberá un único premio de 1.800 euros e dous accésits que recibirán galardón non metálico e un premio ao mellor pintor ou pintora local dotado con 400 euros. As obras presentadas participarán nunha exposición que se inaugurará no Local Social de Maiores de Mugardos o día 31 de outubro, ás 20.00 horas. Nese mesmo acto daranse os recoñecementos.
 
As obras han de entregarse no Departamento de Cultura do Concello de Mugardos, Avenida de Galicia, 45 - baixo, 15620 Mugardos. As bases completas do certame poden consultarse na web do Concello.