Luns, 17 Decembro de 2018

Rematan os trámites para dar luz verde á ampliación do cemiterio de San Xiao

/ Luns, 01/10/2018 - 13:55
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

O goberno local emprendeu en decembro de 2016 as xestións necesarias para facer a moficiación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio vén de aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Mugardos para facer posible a redefinición da protección do castro e, en definitiva, a ampliación do cemiterio de San Xiao. A alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz Otero celebrou que remate unha complicada tramitación que o goberno local iniciou en decembro de 2016 e que  da resposta a unha vella aspiración da parroquia.

A Xunta ten agora que mandar o expediente ao rexistro, para que a continuación a modificación do PXOM poida saír publicada no Boletín Oficial da Provincia. A Igrexa terá luz verde así para presentar o proxecto, que terá que ser aprobado por Patrimonio, e executar a ampliación do cemiterio sumando unha superficie lindeira de 11,2 ferrados.

 
1180
 
  1. A longa tramitación comezou no Concello de Mugardos, que remitiu á Xunta a modificación puntual do plan solicitando a súa aprobación.
  2. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación ambiental formulou un informe segundo o cal non se seguiría o procedemento ordinario.
  3. O secretario municipal e o arquitecto técnico emitiron os seus informes.
  4. O pleno do Concello aprobou inicialmente a modificación en agosto de 2017 e o acordo foi publicado sen recibir ningunha alegación.
  5. Solicitáronse a continuación os informes da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil, á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, ao Instituto de Estudos do Territorio e á Axencia Galega de Infraestruturas, todos favorables e sen obxeccións.
  6. Pediuse tamén o de Augas de Galicia, que como non o emitiu no prazo preceptivo enténdese que foi en positivo.
  7. Houbo que dar audiencia aos concellos limítrofes, que tampouco puxeron obxeccións, e o Concello tivo que pedir tamén os preceptivos informes á Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información e á Dirección Xeral de Aviación Civil.

Finalmente, con todos eses pasos en positivo, e os informes do secretario municipal e a arquitecta técnica, o pleno do Concello puido aprobar o 25 de xuño a modificación de xeito provisional.

1181
 
A complicada tramitación explica a demora en facer posible a ampliación do cemiterio, que precisa de máis espazo para enterramentos. A modificación puntual axustou a delimitación da área de protección integral do Castro de Mugardos.