Martes, 16 Outubro de 2018

Mugardos acolle un dos concertos do Encontro Internacional de Pulso e Púa en Galicia

/ Xoves, 04/10/2018 - 14:50
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Bandolina Dúo, unha formación de músicos colombianos, actuará no Casino Mugardés este venres, ás 20.00 horas.

O Casino Mugardés acollerá este venres, día 5, un concerto no marco do Encontro Internacional de Música de Pulso e Púa en Galicia 2018, que organiza a Asociación Cultural Pórtico das Artes. A concelleira de Cultura, Lola González, explicou que é un certame que congrega a destacadísimos músicos, todos virtuosos de diferentes instrumentos de pulso e púa – mandolina, laúde, bandurria e guitarra - e que, aínda que ten o seu centro na cidade da Coruña, leva moitos dos seus concertos a conservatorios, escolas e centros culturais doutros municipios da provincia.
 
Mugardos, unha localidade con moita tradición rondallista e por tanto con gusto polo son deste tipo de instrumentos, recibirá ao Bandolina Dúo, procedente de Colombia. Oriana Ximena Medina e Carlos Andrés Quintero, dous intérpretes de renome, integran a formación. A súa proposta musical une dous instrumentos de plectro, como son a bandolina andina colombiana e a mandolina. O repertorio conxuga temas tradicionais colombianos e latinoamericanos e tamén pezas universais para corda pulsada.
 
Mugardos é o único concello da contorna que acolle este ano algún dos actos do Encontro Internacional de Música de Pulso e Púa, cuxo programa desenvolve actos do día 2 ao 7 de outubro e conta con primeiras figuras musicais procedentes de Arxentina, Colombia, Italia, Rusia e Portugal.
 
O concerto, este venres día 5, será ás 20.00 horas. A entrada é libre e gratuíta.