Martes, 16 Outubro de 2018

O Concello recorda que ata o día 10 está aberta a inscrición nas escolas deportivas e culturais

/ Xoves, 04/10/2018 - 14:22
Concello de Mugardos - http://www.concellodemugardos.gal/

Xa van unhas 350 persoas inscritas, aínda que todas as actividades seguen abertas e algunhas están pendentes de cubrir o cupo mínimo.

O Concello de Mugardos recorda que o prazo de inscrición nas escolas culturais e deportivas do novo curso 2018/2019 está aberta aínda ata o día 10 deste mes, o mércores da vindeira semana. Xa van unhas 350 persoas apuntadas nas diferentes actividades, pero todas seguen coas portas abertas e algunhas delas pendentes de ter un cupo mínimo para poder desenvolverse.
 
A concelleira de Cultura e Deportes, Lola González, explicou que están pendentes de chegar ao número mínimo de participantes o grupo de escalada para rapaces e rapazas de 13 a 17 anos; o de predeporte, para nenos e nenas de 3 a 7 anos, que se desenvolve nos colexios de Franza e Unión Mugardesa; tiro con arco a partir de sete anos; e o de baile tradicional de 14 anos en adiante.
 
Ademais, o programa de escolas deportivas inclúe voleibol, ioga, baile moderno, bailes latinos, bailes de salón, danza coreográfica, tai-chi, tiro con arco, ximnasia rítmica, de mantemento, patinaxe, tenis, remo e zumba. En canto ás culturais, xunto coa de baile tradicional que se incorpora este ano, hai escolas de pintura e restauración de mobles.
 
Lola González lembrou que tamén está aberta ata o día 10 a inscrición no programa “Mugardos Camiña”, que desenvolve rutas de sendeirismo cada segundo día do mes, de outubro a xuño, en colaboración coa Asociación de Veciños Montefaro.
 
O Concello de Mugardos aplica bonificacións no pago de matrícula e a mensualidade de todas as actividades por criterios de renda e chega á exención total nalgúns casos, coa finalidade de que ninguén quede no municipio sen poder participar por razóns económicas.